Categorías
Que é?

Que é …? Mostramos un xeito de anotar

Anotacións

Na foto vemos unha forma de anotar os resultados dun encontro. Os puntos indican un par fallado. As raias verticais indican unha chave feita. As dúas raias unidas por un trazo vertical indican que se fixo un par, as dúas chaves.

Por tanto nese partido Pablo-Jose fixeron 15 chaves gañando na 9 quenda e Enrique-Mera fixeron 10.

Categorías
Que é?

Que é … unha cada día?

Curiosa expresión referida a bater na chave unha vez de cada par lanzado, cousa difícil e bastante positiva.

Exemplo: hoxe o Manolo está a defender os pares, dá unha de cada día.

Ten variantes similares: “unha diaria”, “non fallar man”.

P.E: “NonfalloMan” é o superheroe do Martín.

Categorías
Que é?

Se do par dás unha daquela non escapan

Cando adestro á chave pasa polo campo un velliño que gusta de ver como vai o conto, e ten as súas vivencias sobre a chave. Cando bato con moitas el di “Se do par dás unha daquela non escapan”.

Quere dicir que no xogo por parellas se en cada tacada bates unha chave, a parella contraria non escapa moito en puntos e aínda tes posibilidades de remontar o partido.

Categorías
Que é?

Que é … das boas?

As partidas son a 100 puntos, os xogadores en vez de contabilizar o total, cando a conta pasa de 50 só contan ese exceso e engaden a frase “das boas”, os puntos que non pasan de 50 serían “as riñas”.

Exemplo: se unha partida vai 70 puntos para a parella A e 30 para a parella B, pode dicirse que a parella A leva 20 puntos “das boas” e a parella B leva 30 “das riñas”.

Isto é o que en matemáticas se chama “aritmética modular”. Neste caso módulo 50.

Categorías
Que é?

Que é … unha chave de Casimiro

Hai costume de dicir que foi unha chave de Casimiro cando o impacto é na beira da chave. Cando non bate plenamente.

A chave, evidentemente, suma igual os seus 8 puntos, de feito non é necesario nen caer, conta aínda un impacto leve.

Categorías
Que é?

Que son … as liñas que marcan os pesos?

Esta pergunta tamén é doada. Como normalmente nas partidas, no xogo por parellas, lánzase por contrarios e conta, ademais da chave, o peso máis próximo da chave, as liñas serven para diferenciar o xogador que lanzou dito peso.

Categorías
Que é?

Que é … arriba! ?

Esta é doada. Cando o peso vai en boa dirección mais a altura é baixa e bate xusto ao lado da chave sen dar nela a parella que está no posto da chave indica ao lanzador: arriba! para que no seguinte lanzamente levante o tiro.

Categorías
Que é?

Que é … un Pincha carneiro?

Cando o peso bate na punta da chave e dá un chimpo dando unha volta enteira estamos ante un Pincha carneiro da chave. Non ten puntuación especial mais implica un bon impacto.