
E gañou a parella formada por Emilio e Lolo
E gañou a parella formada por Emilio e Lolo
Debido ao coronavirus este ano ficamos sen campionato de Chave.
No mes de xuño xa comezan a botar partidas no Anxo e no Muiño de Lermo, e nalgunha outra eira.
Atopei unha vella incre de crabuñar, era a ferramenta usada para afiar as gadañas, chantábase sobre un buraco dun banco de traballo e golpeábase o gume da gadaña (crabuñar) para despois afiar.
E resulta que ten o tamaño ideal para lanzarlle uns pesos agregando un pouco de dificuldade por ser unha barra estreita e sen ter que ir colocala cada vez que se bate nela por estar chantada.
De feito parécese algo á chave da foto de principios de 1900 onde xogaban á Chave en Corcubión.
No 2008 editáronse unha serie de selos de tres deportes populares, entre eles a Chave. O debuxo da chave corresponde á Chave de Ourense e Pontevedra que parece máis vistoso que a Chave de Santiago de Compostela.
Esta pergunta tamén é doada. Como normalmente nas partidas, no xogo por parellas, lánzase por contrarios e conta, ademais da chave, o peso máis próximo da chave, as liñas serven para diferenciar o xogador que lanzou dito peso.
Aquí mostro dúas fotos de 1924 do xogo da Chave de 1924. Están localizadas en Corcubión.
Nunha delas a Chave parece unha veleta, que ben pode ser a orixe da variante de chaves xiratorias. Os pesos parecen algo máis pequenos que os actuais.
Na outra hai un señor lanzando, mais non se pode apreciar a distancia de lanzamento.
Esta é doada. Cando o peso vai en boa dirección mais a altura é baixa e bate xusto ao lado da chave sen dar nela a parella que está no posto da chave indica ao lanzador: arriba! para que no seguinte lanzamente levante o tiro.
Unha pergunta reiterada da xente que pasa cando estou a adestrar é a de que como se chama e cando se inventou ese deporte. Evidentemente a miña resposta é que se chama Chave e que non sei cando se inventou, que é un xogo tradicional e que a súa orixe é bastante atrás no tempo.
Procurando información sobre o xogo atopei unha páxina sobre Bueu que fala dun documento e ten foto do documento de 1906. Trátase dunha denuncia sobre tres veciños da parroquía de Beluso que ao ocupar a eira para xogar non deixaban pasar os burros.
Aquí inclúo a ligazón: http://acidras.blogspot.com/2019/02/xogadores-da-chave-de-beluso-non-deixan.html