Regras do xogo da Chave na bisbarra de Santiago de Compostela
A Chave xógase nun campo de terra, unha eira. Nunha eira pode haber varios tiros, cada tiro é un pedazo de terreno onde tirar os pesos contra a chave. Cando hai torneos con moita xente é habitual abrir varios tiros.
A distancia de lanzamento dos pesos é de 14,20 metros, desde a liña do tirador atá a base da chave.
Na liga de mulleres lanzan desde 12 metros, mais tamén poden xogar os torneos mixtos lanzando desde os 14,20.
A chave, que ven sendo unha placa de ferro en forma de lingua, colócase sobre unha base, chamada cepo, para distinguir ben cando foi alcanzada sen rebotar.
Os pesos (ou pellos) pesan entre 500 e 550 gramos.
O peso ten que dar directamente sobre a chave, non é necesario tirala.
Hai dúas modalidades principais de xogo: individual e por parellas.
No individual normalmente fanse 10 tiradas de 4 pesos e gaña quen máis chaves atina.
No de por parellas cada persoa tira dous pesos e as partidas son a 100 puntos valendo 8 puntos cada chave conseguida e un punto máis para o peso do equipo que fique máis próximo á chave, non contan os pesos que fixeron chave e no caso dun equipo ter dous pesos próximos anota os dous puntos. Mentres dúas persoas de equipo enfrentado tiran os pesos as outras dúas esperan xunto da chave para colocala no caso de ser alcanzada. Se os dous xogadores de equipos enfrentados atinan os dous pesos non se suma nada e repiten tirada. Se un xogador do equipo contrario fai Chave na mesma tirada que o contrario fixo chave tampouco conta nada. En resumo as chaves feitas na mesma tirada matan a do contrario e non suman puntos ningún.
Os torneos por parellas xóganse habitualmente por eliminación.
Na liga xogan 4 parellas de cada equipo e a parella gañadora leva 1 punto, por tanto os resultados van desde o 4-0 ao empate a 2.
Aínda que hai eiras municipais, o máis habitual é que as eiras pertenzan a un bar e os equipos da liga representen a ese bar
Para ver as regras completas oficiais ir á parte final do apartado: regras da chave